Un profesor japones publica un libro sobre Ramón Cabanillas

Asaka portada CantataEn novembro do 2013 publicouse en Toquio o libro Cantata a Ramón Cabanillas (subtitulado en xaponés Galiza, canzón da alma), da autoría de Takekazu Asaka, que para a súa edición contou coa colaboración da Secretaría de Estado de Cultura do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España e coa da Embaixada de España en Xapón, e tamén coa colaboración do Concello de Cambados, que quere que o libro estea en todas as bibliotecas dos centros de ensino do municipio.

Asaka é profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio, cidade onde naceu e na que leva moitos anos facendo de auténtico embaixador da lingua e da cultura galegas. En 1993 editou unha gramática do galego moderno para xaponeses, seguida dunha guía de conversación e dun vocabulario básico trilingüe (galego-castelán-xaponés); e anos despois centrouse no estudo da situación social do galego en Galicia e nas comarcas estremeiras de Asturias, León e Zamora onde tamén se fala, á vez que traducía ó xaponés poemas de escritores galegos. No 2009 publicou unha edición bilingüe dosCantares gallegos de Rosalía de Castro e no 2011 un breve estudo e textos de Cabanillas, que agora amplía considerablemente, e tamén o libro Coñecer Galicia, 50 capítulos en xaponés para dar a coñecer Galicia enteira no seu país.

Cantata a Ramón Cabanillas ábrese cun limiar (en galego e en xaponés) do académico cambadés Francisco Fernández Rei, seguido dun amplo capítulo en xaponés no que Asaka estuda con detalle a vida, a obra e os perfís da personalidade de Cabanilllas, ilustrado con fotos referidas ó poeta e ás portadas das súas obras. A continuación figura unha escolma de 18 poemas de Cabanillas (en galego e en xaponés), con diversas fotos e notas para que os lectores xaponeses poidan entender e imaxinar os poemas e tamén a paisaxe cambadesa evocada neses textos ou no estudo precedente.

A fermosa cuberta do libro é da autoría do deseñador xaponés Sigueru Usui, a partir das suxestións de Asaka, que quería que nela houbese referencias inequivocamente galegas: un prato de Sargadelos cun nó ou lazo céltico, que simboliza a modernidade industrial enraizada na terra; e uns toxos, esas populares e humildes plantas, que simbolizan en certo modo a paisaxe galega.

A publicación contén un CD con oito poemas da escolma, entre eles o célebre “Camiño longo”, “O Rei tiña unha filla” e “Aureana do Sil”, que interpretan dúas artistas xaponesas, a soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa. Haga graduouse no Departamento de Música Vocal do Conservatorio de Toquio e estudou ópera no Conservatorio de Milán; Nishikawa estudou no Departamento de Piano de Conservatorio de Toquio, cursou o Doutoramento no Conservatorio de Madrid e participou nas xornadas de “Música en Compostela”, onde coñeceu Antón García Abril, que musicara textos de Rosalía de Castro e de Ramón Cabanillas.

Asaka explicoulle o sentido da versión xaponesa deses poemas á soprano, mentres a pianista buscaba as partituras das cancións, todas elas vencelladas á música culta e que se puideron escoitar en diversos escenarios de Cambados no inesquecible Ano Cabanillas 2009. Despois de moitos ensaios, o CD gravouse no Centro Musical da cidade de Hiratsuka; e nada máis editarse o libro, o 23 de novembro de 2013 celebrouse un acto na cidade de Yokohama na que as dúas artistas xaponesas interpretaron esas cancións cos textos de Cabanillas.

A finais do vindeiro mes de xullo (ou comezos de agosto) presentarase a Cantata en Cambados nun acto con presenza de Takekazu Asaka e no que se prevé que interveñan a soprano Miho Haga e a pianista Rika Nishikawa para cantaren a Cabanillas. Esta particular homenaxe ó poeta que nacera na viliña de Fefiñáns será o preludio dos actos que no concello de Cambados (e seguramente no Salnés e noutros lugares dentro e fóra de Galicia) se farán no 2015 para conmemorar o centenario da edición do emblemático Vento mareiro, poemario cunha estética moderna e universal co que Cabanillas “aggiornou” a linguaxe poética galega despois do cativo nivel da lírica do período de entre séculos.

Nota de Prensa redactada por Francisco Fernández Rei, académico da lingua.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s